lunes, noviembre 25, 2013

25 DE NOVEMBRO, DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES. ACTO INSTITUCIONAL NO CONCELLO.

Como xa anunciaramos en días pasados, hoxe, 25 de novembro, celebrouse no Concello o acto institucional do DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES.
A cerimonia tivo lugar no salón de plenos e foi presidida pola corporación municipal así como por dúas representantes do CIM .

Comezou a reunión gardando un minuto de silencio en memoria da máis recente víctima de violencia de xénero, que esta mesma fin de semana faleceu a mans da súa exparella.
Seguidamente, un grupo de alumnas e alumnos do IES Johan Carballeira representou unha breve dramatización que contaba a historia dunha princesa maltratada. Nesta ocasión, a protagonista lograba saír do seu inferno, grazas ao apoio da súa familia, dos seus amigos e amigas e ao labor de protección desenvolvido polas institucións.
Finalmente, tivo lugar a entrega de premios no que as nosas mozas de 3º ciclo recolleron os seus respectivos galardóns.
1º premio de Educación Primaria: CARLA ALFAYA PORTELA, de 5º A



Mencións especiais: MARÍA BROCOS JUNCAL, de 6º A
e ICÍA ESCRIBANO CABALEIRO, de 6º B
Rematou a conmemoración cunha foto de grupo.


domingo, noviembre 24, 2013

A CHRISTMAS CAROL

     
    O 19 de novembro os rapaces de 5º e 6º fomos ata Vigo para ver a representación da obra teatral "A Christmas Carol" de Charles Dickens. O tempo pasou rápido porque a historia gustábanos e os actores tiñan unhas voces xeniais. 
Ao rematar, tivemos a oportunidade de facer preguntas sobre a montaxe do espectáculo.
Para que vexades, deixámosvos unhas imaxes...

                                Click to play this Smilebox slideshow
Create your own slideshow - Powered by Smilebox
This free digital slideshow customized with Smilebox

domingo, noviembre 17, 2013

25 de novembro, DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Como cada ano, o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Bueu convocou o concurso de carteis co gallo do DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES.
Esta actividade, programada para o alumnado dos centros educativos de toda  a vila, enmárcase na campaña de concienciación cidadá dirixida  a toda a sociedade.
Representantes do xurado manifestaron a súa satisfacción polo elevado número de participantes, así como pola calidade dos traballos presentados.
 Os mestres e mestras de A Pedra felicitamos os mozos e mozas da nosa escola , cuxos carteis  mereceron un papel destacado na categoría de Ensino Primario.
Estes foron os resultados:
 
1º PREMIO DE EDUCACIÓN PRIMARIA:
 
Carla Alfaya Portela, de 5º A
 
 
MENCIÓNS ESPECIAIS:

María Brocos Juncal, de 6ºA


 Icía Escribano Cabaleiro , de 6º B

 

PARABÉNS, RAPAZAS!

A entrega de premios terá lugar nun acto institucional que se celebrará o luns, 25 de novembro, no salón de plenos do Concello.

miércoles, noviembre 06, 2013

VIVA O MAGOSTO!!!

     Un ano máis tivemos un Magosto pasado por auga! Que mala sorte! Non puidemos participar nos xogos populares que tanto nos gustan porque estaba mollado... pero non todo foron malas novas, comemos unhas castañas boísimas!!!
   

lunes, noviembre 04, 2013

O CASTELO DO PESADELO


Menudo Samaín!

Desta volta, a nosa escola converteuse no Castelo do pesadelo. Grandes e pequenos, relatamos os máis terribles pesadelos que puidemos ter soñado!
Velaí van os que escribimos nas clases de 3º ciclo:


O PESADELO de 5º A


Eran as oito do serán, a noite estaba pecha, chovía a mares, a auga petaba nos cristais, o vento zoaba con forza. Lóstregos e tronos  anunciaban unha noite de cans.
Eu estaba na casa, non había máis ninguén. Descansaba no sofá agochado baixo as mantas, mentres vía unha película.
De súpeto, un ruído inesperado sobresaltoume. Era o timbre!
Os meus pais advertíranme de que non lle abrise a ninguén. Non lle chegaba á mira. Dubidei... Decidín asomarme á ventá. A rúa estaba deserta. A chuvia brillaba baixo a luz do farol.Foi entón, cando vin unha sombra que parecía achegarse á miña porta.
Corrín a pola chave, collina do moble da entrada. As miñas mans tremían, incapaces de atinar co ollo da pechadura. Era incontrolable, non podía respirar, suaba, as bágoas esvaraban pola miña cara, o meu corazón palpitaba.
A porta empezou a abrirse. Empurrei con todas as miñas forzas mentres berraba entre saloucos:
      -Nooon!
Milagrosamente, entre os meus alaridos, puiden distinguir a voz do meu pai que me dicía:
      -Abre, fillo, son Papá!
O PESADELO de 5º B
Aquel venres, eu quedara con Breogán para ir durmir á súa casa. Xa case era noite, os meus pais estaban a traballar, caían chuzos de punta e eu non tiña paraugas.
Pensando en coller un atallo , metinme nunha calella. De súpeto, o estrondo dun trono retumbou en toda a vila. O corazón doume unha volta, apagáronse todos os farois e, aterrado, empecei a correr. Necesitaba chegar canto antes, á casa do meu amigo para refuxiarme.
Entón, os ouveos dun can fixeron que deixase de pensar con claridade. Sentíao detrás de min. Canto máis trataba de apurar, máis preto o percibía. A suor e a chuvia enchoupaban a miña roupa, podía oír os latexos do meu corazón golpeando o meu cerebro coma baquetas contra un tambor.
As miñas pernas non respondían, xa notaba as súas fauces a piques de devorarme, cando, de repente, unha voz coñecida me dixo:
      -Para, que son eu!



O PESADELO DE 6ºA 

 Iniciamos a nosa viaxe cara Suíza coa intención de gozar dunhas merecidas vacacións nunha pequena vila da montaña. Estabamos desexando chegar á cabana na que nos iamos aloxar. A noite que chegamos posuía un halo de misterio e reinaba un silencio sepulcral. A medianoite, escoitamos uns pasos pero non había ninguén. Volvemos para a cama. De súpeto notamos as sabas molladas. Cando acendemos a luz vimos que non era auga, era ...SANGUE! Aterrados saímos da habitación como puidemos. Fóra, todo era normal ata que vimos unhas sombras que viñan cara nós. Parecía a xente da vila, ían vestidos de loito e levaban dous ataúdes. Facían ruídos estranos... O medo apoderouse de nós de tal maneira que non nos podiamos mover. Rodeáronnos e comezaron a susurrar “Temos fame... Queremos comer... Vinde connosco...” Tiñan un aspecto asqueroso, a súa cara era verde e os ollos colgaban das órbitas. Non tiñan dentes e a algúns faltábanlles estremidades ou un trozo de cráneo... O olor era tan ... insoportable... e ... nauseabundo... que...  aproveitaron...  para... botarse... enriba... nosa ...





O PESADELO DE 6ºB



Era unha mañá de treboada. As nubes cubrían o ceo e, no cole, estabamos facendo o exame mais difícil do curso. A profe estaba moi rara... De repente, a súa pel cambiou de cor, babeaba sangue e so balbuceaba a palabra CEREBRO e iso que non era clase de coñe. Asustados, chamamos á directora que tamen tiña os mesmos síntomas ca profe Cris. Tratamos de disimular e conseguimos escapar da aula pedindo para ir ao baño. Xuntámonos e decidimos ir ao ximnasia. Polas escaleiras, aparecían brazos, pernas, ollos... Estabamos ao borde dun ataque de pánico... Onde estaban os demais rapaces?  E os profes?  Dende conserxería, chamamos a policía pero daba comunicando. Escoitamos ruídos na sala de profes e fomos ver, iso si, todos ben xuntiños. Era unha trampa, nun segundo estamos rodeados de zombis! Non había escapatoria! Quérennos morder... Que alguén nos axude! Cando despertamos, Bueu xa non era Bueu...
 
Click to play this Smilebox slideshow
  
Create your own slideshow - Powered by Smilebox

ANIVERSARIO DE PAPIRUS



PARABÉNS, PAPIRUS!!!!

O venres, 25 de outubro estivemos de celebración: Papirus estaba de aniversario!
Ao longo da mañá, Luisa reuniunos na sala polivalente, porque tiña unha mensaxe para nós. Tratábase dunha carta de Papirus na que nos contaba unha chea de novidades relacionadas coas súas vacacións de verán e, polo que puidemos comprobar, estas foron do máis movidas!
Amosounos esta magnífica montaxe da súa historia e de como chegou ao Bibliocastelo.



Contounos que coñeceu uns  novos amiguiños no Colexio O Carballal, en Marín. Son as mascotas da biblioteca desa escola; Onza e Tambo, dúas simpáticas tartarugas, e Catro Ollos, un choco chosco que ensina idiomas aos arroaces e demais animais mariños.

Alí, tamén coñeceu a Víctor, o mestre de música que lle fixo ao noso amigo un agasallo moi moi especial: A SÚA PROPIA CANCIÓN!



       

Xa a sabemos todos!




Ademais,  adiantounos que estivo a traballar nun novo proxecto para este curso, centrado nos cómics. Foi por isto, que coñeceu a outro artista, Miguel Trassierra Lois (Trassiwolf), debuxante que lle regalou unha historieta protagonizada por Papirus e os seus amigos: a Lontra, a vieira Cocorola, Onza, Tambo e Catro Ollos.



Finalmente, Luisa levounos ao Bibliocastelo para ensinarnos unha sorpresa máis, un magnífico mural do fondo do mar, que outro amigo, David, lle pintou no seu recuncho. Quedou impresionante!

QUE SORTE, TER TANTOS AMIGOS ARTISTAS!



Rematamos a visita cantándolle a súa  canción e desexándolle

MOI FELIZ ANIVERSARIO!