lunes, junio 19, 2017


PROGRAMA   METEOESCOLAS


Neste curso o alumnado do CEIP plurilingüe A Pedra de Bueu, dentro do programa Meteoescolas e a modo de proxecto de fin de etapa levaron a cabo un traballo interdisciplinario onde interviñeron as áreas de Lingua Galega, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais e Matemáticas. Utilizaron como instrumento de aprendizaxe significativo o traballo cooperativo, distribuíndose o alumnado en equipos de 3 ou 4 compoñentes.  Deste xeito traballaron os  estándares de aprendizaxe  que tiñan relación con:

O tempo atmosférico, instrumentos que serven para observalo, a garita meteorolóxica, a Lúa, factores que modifican o clima, os climas de España,  os fenómenos meteorolóxicos, a formación das nubes, acción do home no medio natural, necesidade de coidar o medio natural, os espazos protexidos.



Ademais, organizaron en  táboas as precipitacións mensuais recollidas cos datos observados polo alumnado na garita meteorolóxica do colexio nos 5 primeiros meses deste ano  e tamén calcularon as medias mensuais das temperaturas máximas e mínimas. Con toda esta información elaboraron e interpretaron un climograma comparándoo cos datos meteorolóxicos históricos de Bueu.


Tendo en conta que en expresión escrita estudaran a análise  e redacción de textos xornalísticos, presentaron a modo de reportaxe a información  recollida que acompañaron con imaxes.
Todos os traballos colocáronos no taboleiro de cadansúa clase para posteriormente podelos gravar e traballar así os estándares de aprendizaxe de expresión oral.

Todas e todos puxeron o mellor de seu e aínda que á hora de gravar houbo quen se puxo nervioso e  se equivocou, confiamos en que saberedes desculparnos.

E velaí vai o resultado de tanto traballo. Que o desfrutedes!








































lunes, mayo 22, 2017

Xornadas

XORNADAS DE ATLETISMO BASE

O mércores día 8 maio e despois dun retraso por mor do mal tempo, por fin saímos cara a Cangas para celebrar as  Xornadas de Atletismo base. E así foi como un grupo de nenos-as de 5º de E.P. partimos moi cedo do colexio cara ás pistas, cun pouco de medo porque ventaba choiva. Chegamos os primeiros e despois de esperar un chisco, comenzaron as probas. As primeiras foron salto de lonxitude e o lanzamento de vórtex; a continuación, as de 60m. lisos, 500m. lisos e o lanzamento de peso e para rematar, os relevos de 4X60m. Non faltou en ningún momento a animación dos compañeiros-as, como podedes ver na foto.



 Foi un día moi divertido e aínda que a clasificación non estivo mal,  podería ser mellor. Aprendemos un montón e experimentamos con materiais novos e nunha pista que moitos de nós nunca pisaramos.



 Só nós queda darlles as grazas aos organizadores  Alberto e Pablo do Clube  Atletismo Morrazo pola súa invitación. 




GRAZAS E ATA A PRÓXIMA

GRANXA MONTERO RÍOS E AREEIRO

O alumnado de quinto de primaria fixemos unha emocionante saída á Granxa de Montero Ríos, en Lourizán, e á estación fitopatolóxica  Areeiro.

Disfrutamos da paisaxe daquel fermoso lugar, e aprendemos moito  sobre especies procedentes de diferentes lugares do mundo.


Na estación fitopatolóxica, tamén coñecemos diversos métodos para combater pragas e coidar as nosas hortas e xardíns.


video

sábado, mayo 20, 2017

CUADRANGULAR DE BELUSO

 Un ano máis, como tódolos anos por estas datas, chega ao correo do noso centro unha invitación dende Beluso. É para participar no Cuadrangular de fútbol xunto cos colexios de Torre Cela, Virxe Milagrosa e os organizadores, Montemogos. É por iso que o venres 10 de maio e despois de cumprir coas nosas obrigas escolares, saÍmos con moita ilusión un grupo de nenos-as de 6º de EP rumbo a Beluso co fin de representar ao noso centro. 





Cando chegamos, estaban a xogar o 1º partido os de Torre Cela cos da Virxe Milagrosa; despois, foi a quenda dos anfitróns cos da Virxe Milagrosa; logo, os de Torre Cela con nós e así un emparellamento tras outro ata xogar todos. Corremos, rimos, suamos e pasámolo fenomenal; pero o mellor foi o boliño de leite co que nos agasallaron ao rematar o cuadrangular e que nos soubo a gloria, sobre todo despois de que nos desen a medalla de ouro. 






GRAZAS, MONTEMOGOS! Xa esperamos impacientes a invitación para o vindeiro ano.





martes, mayo 09, 2017

CORRELINGUA


Os alumnos e alumnas de quinto de primaria xunto co resto do cole, unímonos ao Correlingua, porque "Queremos galego sen cancelas".
Deixámosvos aquí o enlace (clica na imaxe):




http://enredemosapedra.blogspot.com.es/2017/05/vii-correlingua-no-morrazo.html


martes, mayo 02, 2017

EXPOSICIÓN DO PRINCIPIÑO NO BIBLIOCASTELO




EXPOSICIÓN DO PRINCIPIÑO NO BIBLIOCASTELO

Esta semana pasada, coincidindo coa celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO, tivemos a fortuna de contar cunha magnífica exposición no BIBLIOCASTELO. 
 



Trátase de máis de 70 exemplares do marabilloso libro de Antoin de Saint-Exupéry, Le Petit Prince, editado en diferentes linguas e en diferentes países do mundo.
Todos estes libros, forman parte da colección privada de LOLI DOCAMPO, mamá de varios alumnos do noso cole: Quique, Roi, Mariña e Uxía.

A profe Lina preparou un recuncho excepcional para ambientar a exposición e dedicounos toda a súa atención para explicarnos toda clase de curiosidades.

 
Moitas grazas, Loli e Lina!

miércoles, abril 26, 2017



COMO SE FAI UNHA PELÍCULA?

Onte baixamos ao centro social do mar para asistir a unha conferencia sobre o proceso de creación e distribución dunha película.

Tivemos a sorte de contar coas explicacións de MANUEL PENA, director do FESTIVAL INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES (FIC) DE BUEU e coa colaboración dos seus compañeiros LORENA SANMARTÍN E IGNACIO CUBERO.


Aprendemos que o proceso de produción dun filme é moito máis longo e custoso do que nos imaxinamos. Antes de que sentemos na sala do cine son moitas as persoas (guionistas, actores, directores, fotógrafos, cámaras modistos, maquilladores, perruqueiros, técnicos de son...) ,  que levan a cabo este traballo que se desenvolve en tres fases:

  • PREPRODUCIÓN: nesta parte do proceso, redáctase o guión, e en base a el, búscanse os actores, actrices; así como o director ou directora, ...Tamén é o momento no que se procura financiamento, pídense permisos necesarios para rodar en interiores ou exteriores ...
  • RODAXE: consiste en transformar o guión en imaxes, é a gravación da actuación dos actores e actrices. É necesario telo todo previsto : vestiario, maquillaxe, cámaras, focos,  efectos especiais.

O que máis sorprendente é que as escenas non se rodan seguindo a orde do argumento; senón que se fai en función do lugar e  o momento do día que se queiran gravar.

  • POSPRODUCIÓN:  É o momento de montar a película, ou sexa, de ordenar as escenas. Engádense as voces, o sons de ambiente, a voz en of ( no caso de que haxa un narrador), a banda sonora...

Unha vez montada, hai que darlle moita publicidade (en carteis, nos xornais, na tele...)a fin de que o público a coñeza e queira ir vela, e Buscar salas de cine nas que proxectala...








A partir de agora, cando sentemos nunha sala de cine a ver unha película, entenderemos mellor por que custa tanto a entrada e valoraremos máis todo o traballo que hai detrás. Isto tamén nos servirá para espertar as conciencias dos que nos rodean para explicarlles que piratear películas prexudica a unha chea de persoas.
Foi unha sesión do máis interesante!
MOITAS GRAZAS, MANU, LORENA E IGNA !