lunes, marzo 05, 2012

ANA ALONSO VISITA A NOSA ESCOLA




O GUSTO DE LER, A NECESIDADE DE
ESCRIBIR E O DESEXO DE CONTAR HISTORIAS



Hoxe estamos de estrea!


E que mellor para comezar a nosa andaina, que a ilusión de coñecer a quen nos fai vibrar coas súas historias? A escritora Ana Alonso regalounos os oídos coas súas palabras.
Un pai amante da lectura, unha casa chea de libros e o gusto por viaxar sementaron nela o desexo de ler e a necesidade de escribir.

Desde ben cedo, compoñía poemas e inventaba historias que co devir dos anos foron enchendo un caixón de textos inéditos.

Aos dezanove anos, sendo estudante de Bioloxía, presentouse a un concurso de poesía que gañou e cuxo premio supuxo a primeira publicación oficial dunha obra súa. Tras este, habían chegar oito premios máis.


Tempo despois, coñeceu a JAVIER PELEGRÍN, compañeiro de viaxe na súa vida profesional e persoal. Xuntos escribiron, entre outros, LA TORRE Y LA ISLA, primeiro libro da colección de ficción científica titulada LA LLAVE DEL TIEMPO.



Esta emocionante novela que estamos a ler en 6º, comeza no ano 2121 e conta a historia de cinco adolescentes que deben superar incribles adversidades, a fin de cumprir unha misión de vital importancia para a humanidade e o seu futuro.

En 5º lemos VERSOS PIRATAS, PIRATAS EN VERSO; un divertido libro no que ademais de gozar co enxeño da pluma de Ana Alonso, aprendemos as máis variadas cuestións relacionadas con estes navegantes, estrafalarios ou elegantes, reais ou de ficción, da vella Europa ou do Caribe, que sucaban os mares procurando tesouros e vivindo aventuras inverosímiles.




Nós contámoslle a Ana Alonso, que os seus poemas nos serviron de inspiración para aprender a xogar coas palabras e navegar nos mares da poesía con lapis de principiantes.
Ela, moi xenerosamente, convidounos a enviarllos por correo electrónico. Así o faremos. Palabra de poeta! (Debemos aclarar que pensamos en poñer “Palabra de pirata!”; pero, igual resultaba pouco de fiar…)
Tamén tivemos oportunidade de falar sobre EL ACERTIJO DE LA VIDA, outro dos seus libros (pertencente á colección PIZCA DE SAL) no que a través dunha ESCOLA DE PIRATAS moi peculiar aprendemos a ver a Natureza desde punto de vista diferente.
GRAZAS POLO TEU TEMPO, POLOS TEUS LIBROS E POR ENCHER O NOSO COFRE DE TESOUROS!

No hay comentarios:

Publicar un comentario