lunes, noviembre 04, 2013

O CASTELO DO PESADELO


Menudo Samaín!

Desta volta, a nosa escola converteuse no Castelo do pesadelo. Grandes e pequenos, relatamos os máis terribles pesadelos que puidemos ter soñado!
Velaí van os que escribimos nas clases de 3º ciclo:


O PESADELO de 5º A


Eran as oito do serán, a noite estaba pecha, chovía a mares, a auga petaba nos cristais, o vento zoaba con forza. Lóstregos e tronos  anunciaban unha noite de cans.
Eu estaba na casa, non había máis ninguén. Descansaba no sofá agochado baixo as mantas, mentres vía unha película.
De súpeto, un ruído inesperado sobresaltoume. Era o timbre!
Os meus pais advertíranme de que non lle abrise a ninguén. Non lle chegaba á mira. Dubidei... Decidín asomarme á ventá. A rúa estaba deserta. A chuvia brillaba baixo a luz do farol.Foi entón, cando vin unha sombra que parecía achegarse á miña porta.
Corrín a pola chave, collina do moble da entrada. As miñas mans tremían, incapaces de atinar co ollo da pechadura. Era incontrolable, non podía respirar, suaba, as bágoas esvaraban pola miña cara, o meu corazón palpitaba.
A porta empezou a abrirse. Empurrei con todas as miñas forzas mentres berraba entre saloucos:
      -Nooon!
Milagrosamente, entre os meus alaridos, puiden distinguir a voz do meu pai que me dicía:
      -Abre, fillo, son Papá!
O PESADELO de 5º B
Aquel venres, eu quedara con Breogán para ir durmir á súa casa. Xa case era noite, os meus pais estaban a traballar, caían chuzos de punta e eu non tiña paraugas.
Pensando en coller un atallo , metinme nunha calella. De súpeto, o estrondo dun trono retumbou en toda a vila. O corazón doume unha volta, apagáronse todos os farois e, aterrado, empecei a correr. Necesitaba chegar canto antes, á casa do meu amigo para refuxiarme.
Entón, os ouveos dun can fixeron que deixase de pensar con claridade. Sentíao detrás de min. Canto máis trataba de apurar, máis preto o percibía. A suor e a chuvia enchoupaban a miña roupa, podía oír os latexos do meu corazón golpeando o meu cerebro coma baquetas contra un tambor.
As miñas pernas non respondían, xa notaba as súas fauces a piques de devorarme, cando, de repente, unha voz coñecida me dixo:
      -Para, que son eu!



O PESADELO DE 6ºA 

 Iniciamos a nosa viaxe cara Suíza coa intención de gozar dunhas merecidas vacacións nunha pequena vila da montaña. Estabamos desexando chegar á cabana na que nos iamos aloxar. A noite que chegamos posuía un halo de misterio e reinaba un silencio sepulcral. A medianoite, escoitamos uns pasos pero non había ninguén. Volvemos para a cama. De súpeto notamos as sabas molladas. Cando acendemos a luz vimos que non era auga, era ...SANGUE! Aterrados saímos da habitación como puidemos. Fóra, todo era normal ata que vimos unhas sombras que viñan cara nós. Parecía a xente da vila, ían vestidos de loito e levaban dous ataúdes. Facían ruídos estranos... O medo apoderouse de nós de tal maneira que non nos podiamos mover. Rodeáronnos e comezaron a susurrar “Temos fame... Queremos comer... Vinde connosco...” Tiñan un aspecto asqueroso, a súa cara era verde e os ollos colgaban das órbitas. Non tiñan dentes e a algúns faltábanlles estremidades ou un trozo de cráneo... O olor era tan ... insoportable... e ... nauseabundo... que...  aproveitaron...  para... botarse... enriba... nosa ...





O PESADELO DE 6ºB



Era unha mañá de treboada. As nubes cubrían o ceo e, no cole, estabamos facendo o exame mais difícil do curso. A profe estaba moi rara... De repente, a súa pel cambiou de cor, babeaba sangue e so balbuceaba a palabra CEREBRO e iso que non era clase de coñe. Asustados, chamamos á directora que tamen tiña os mesmos síntomas ca profe Cris. Tratamos de disimular e conseguimos escapar da aula pedindo para ir ao baño. Xuntámonos e decidimos ir ao ximnasia. Polas escaleiras, aparecían brazos, pernas, ollos... Estabamos ao borde dun ataque de pánico... Onde estaban os demais rapaces?  E os profes?  Dende conserxería, chamamos a policía pero daba comunicando. Escoitamos ruídos na sala de profes e fomos ver, iso si, todos ben xuntiños. Era unha trampa, nun segundo estamos rodeados de zombis! Non había escapatoria! Quérennos morder... Que alguén nos axude! Cando despertamos, Bueu xa non era Bueu...
 
Click to play this Smilebox slideshow
  
Create your own slideshow - Powered by Smilebox

No hay comentarios:

Publicar un comentario